Roteiro Mitoloxía Galega: na procura da Raíña Lupa

25,00

Sábado 23 de Febreiro de 9:30 a 17:30

Esgotado

Descrição

Programa Roteiro Rainha Lupa 23 Feb 2019 .PDF

DATA E HORARIO:
Sábado 23 de Febreiro de 9:30 a 17:30h (inclúe comida en restaurante cercano ao Pico Sacro)

PONTO DE ENCONTRO:
9:30 no espolón de Padrón (estátua de Rosalia de Castro)

INFORMACIÓN DA RUTA (Ver Mapa):
9:30 Punto de encontro no espolón de Padrón (estátua de Rosalia de Castro)
[2] Visita á Igrexa de Santiago (Padrón)
[3] Fonte do Carme (Padrón)
[4] Santiaguiño do Monte (Padrón)
[5] Castro Lupario (Faramello)
[6] Fonte de Lupa (San Pedro de Vilanova de Vedra)
[7] Centro de interpretación do Pico Sacro (Boqueixón)
[8] Pico Sacro (Boqueixón)
14:30 Finalización no Pico Sacro (Boqueixón)
Xantar en Boqueixón

  • Duración aproximada: 5 horas
  • Dificultade: baixa
  • Necesidade de coches particulares para os desprazamentos entre os diferentes puntos da ruta.

PREZO:
25€ (comida incluída)

PERCURSO DO ROTEIRO:
Propomos un roteiro cultural en torno ao mito da raíña Lupa e da traslatio do apóstolo Santiago. Un percorrido pola lenda, polos ritos e por algunha das xeografías míticas, sagrads e arqueolóxicas máis fascinantes de cantas envolven a historia da Raíña Lupa. O noso percorrido comezará en Padrón, onde chegou a barca de pedra co corpo do apóstolo. Visitaremos a Igrexa de Santiago. Templo no que se atopa, baixo o altar maior, o pedrón ao que os discípulos de Santigo ataron a barca cos restos do apóstolo á súa chegada a Galicia. Trátase, en realidade, duna ara romana dedicada ao deus do mar Neptuno.

Finalizada a visita á igrexa de Santiago pararemos na Fonte do Carme para contemplar a representación da traslatio do apóstolo en barca dende Terra Santa a Galicia. Na parte superior pódese ver a Santiago bautizando á Raíña Lupa.

A continuación subiremos a Santiaguiño do Monte. Conta a tradición que este foi o primeiro lugar onde Santiago predicou en terras galegas. Hoxe en día, sobre o conxunto de penedos que existen no lugar eríxese un cruceiro coa imaxe do apóstolo. Fronte a el temos unha pequena capela, a coñecida como casa do ermitán e unha fonte que nace baixo o templo. Posiblemente esteamos ante a cristianización dun antigo lugar de culto polo que falaremos dos ritos que alí se celebran.

Collemos os coches e desprazámonos ao veciño concello de Teo onde subiremos ao castro Lupario, asentamento castrexo onde a tradición sitúa a residencia de Lupa. Tras coñecer a mitoloxía e historia do castro, así como a súa relación co mito xacobeo, proseguiremos a nosa viaxe cara ao concello de Vedra.

Na Fonte de Lupa en San Pedro de Vilanova de Vedra, existe un epígrafe que narra os feitos da lenda da raíña Lupa. Tras a capela do Santiaguiño e ao pé do camiño de Santiago (Vía da Prata), érguese unha fonte construída en 1670. A ambos os lados mostra dúas figuras procedentes do coro pétreo do Mestre Mateo, desmontado en 1603-1604. A inscrición da fonte da capela do Santiaguiño recolle a lenda da raíña Lupa e o traslado do corpo do Apóstolo no carro cos bois que amansaron milagrosamente no Pico Sacro.

Dende aquí proseguiremos a nosa viaxe ata Boqueixón onde visitaremos o centro de interpretación do Pico Sacro. Tras a visita encarreiramos os nosos pasos cara ao mítico Pico Sacro, o Monte Illicino da lenda xacobea. É nesta montaña onde se produce o milagre do amansamento dos bois e onde os discípulos do apóstolo teñen que enfrontar e vencer coa axuda da cruz a un temible dragón que habita nas covas desta montaña de Boqueixón. No Pico Sacro coñeceremos diferentes lendas desta montaña, os ritos da súa capela así como lugares tan significativos como a Rúa da raíña Lupa ou os Buratos do Mouros.

Finalizada a vista á montaña remataremos a xornada cun xantar comunitario nalgúns dos establecementos da contorna.

GUIADO POR:
Rafael Quintía Pereira

Rafael Quintía Pereira: Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural; Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais; Master Universitario en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas, na especialidade de Ciencias Sociais: Xeografía e Historia. Escritor, documentalista e músico tradicional. Traballa como antropólogo profesional na empres AB ORIGINE. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e vicepresindente da Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO).

Investigador, profesor e divulgador nos campos da antropoloxía e da historia de Galicia. As súas liñas de investigación céntranse no patrimonio inmaterial, fundamentalmente, no estudo da etnomedicina galega, no campo da mitoloxía popular e no mundo das crenzas máxico-relixiosas e da relixiosidade galaica ao longo da historia. Os resultados do seu traballo víronse reflectidos na publicación dunha ducia de monografías, na realización de sete documentais etnográficos e históricos e en múltiples artigos.

Durante estes anos o seu traballo de investigación foi galardoado con catro premios de investigación e ensaio: Premio Ferro Couselo de Investigación (2017), Premio Ramón Piñeiro de Ensaio (2016), Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (2015) e Premio de investigación Luís Cuadrado (2010). Ademais é Premio Lingua de Ouro 2017 da Asociación Queremos Galego Marín.